Proxecto Aula Molina
Outubro 19, 2006
O Cesga e a USC colaboran na implantación dun campus virtual nunha universidade de Perú.Conseguir que a Universidade Nacional Agraria de La Molina de Perú sexa un referente para outras universidades e institucións latinoamericanas no campo do coñecemento do e-learning mediante o uso de ferramentas de código aberto asi como posibilitar o acceso á formación de colectivos con posibilidades limitadas para participar na formación presencial, son os principais obxectivos do proxecto Aula Virtual La Molina.Esta iniciativa, coordinada polo CESGA e cofinanciada pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior da Xunta de Galicia, orientarase ao establecemento dun aula dotada con recursos tecnolóxicos hardware e software que permitan a posterior posta en marcha dun contorno virtual de aprendizaxe para poder ofrecer formación a distancia con Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC).
O e-learning configúrase como unha ferramenta pedagóxica idónea para contribuír á mellora da calidade do ensino nun país no que a educación só representa un investimendo do 2.9% do Producto Interior Bruto ( PIB ). Esta non está aberta a toda a poboación e só os niveis primarios e secundarios teñen maior apoio do goberno. A esta situación engádese o feito, de que gran parte da poboación reside en puntos dos andes peruanos ou da selva afastados dos núcleos poboacionais, o que conduce en moitos casos ao abandono dos estudos superiores.
Así, a Aula Virtual La Molina permitirá a estes colectivos continuar os estudos universitarios dun xeito virtual. Segundo o programado, comezaría xa funcionar, unha vez estivese operativa, con seis mestrías en modalidade semipresencial: tecnoloxía dos alimentos, innovación agraria para o desenvolvemento rural, ecoturismo, economía agrícola, bosques e xestión de recursos forestais e agricultura sostible.
Para lograr este obxectivo estanse a acometer, previamente, accións de diversa índole, como a a sensibilización cara ao e-learning ou a formación de docentes para o desenvolvemento de programas virtuais.
O proxecto ten unha duración de catorce meses e conta cun orzamento próximo aos 160 mil euros, dos cales a Xunta aporta case o 70%. Participan, como membros do comité técnico, María José Rodríguez Malmierca, responsable da área de e-learning do Centro de Supercomputación de Galicia; Doña Elena López Colmenero, responsable de proxectos da Aula de Produtos Lácteos; Beatriz Cebreiro López, subdirectora do CETA da Universidad de Santiago de Compostela e Fanny Ludeña, profesora titular de industrias lácteas da Universidad Nacional Agraria La Molina.
Fonte: Cesga.
Entry Filed under: Novas. .
Trackback this post | Subscribe to the comments via RSS Feed